Thursday 25 de April de 2024

O Concello e a Asociación ecuestre 23 de Abril ultiman os preparativos para o sábado


A feira cabalar do San Xurxo deste 2022 promete volver con máis forza que nunca. A cita cae en sábado, tras dous anos suspendida pola pandemia e, malia a incerteza sobre o tempo, todo apunta a que será multitudinaria. Así o indican as cerca de 180 inscricións rexistradas para participar nos concursos (40 máis que en 2019), ás que haberá que sumarlle a afluencia do público habitual da cita: xente á busca de comprar ou vender cabalo, xente que acode ver outro gando, tamén quen se achega á procura de planta e outros produtos e, sobra dicilo, toda aquela que vén a Moeche gozar do ambiente que se vive neste día grande, tapa de polbo ou churrasco incluída. Ante estas perspectivas, o Concello e a Asociación ecuestre 23 de Abril -que subscribiron recentemente un convenio para organizar a feira conxuntamente de maneira transitoria- teñen xa preparada a loxística de seguridade e de tráfico para que todo marche sen incidencias.

Durante a xornada do sábado o centro urbano de Moeche e o recinto feiral permanecerán pechados ao tráfico salvo para residentes e para a entrada e saída de postos da feira, que deberán estar instalados seguindo os horarios habituais de calquera outra cita do 11 ou o 23. A veciñanza da zona pode retirar no Concello os seus pases de acceso até este venres ao mediodía.

Tal e como se describe no plan de circulación, o acceso desde a estrada de Ortigueira só poderá facerse en sentido único entrando pola Rúa da Feira e seguindo logo pola Rúa Nova ata a avenida 23 de Abril, desde onde se poderá volver saír á AC-862. Os pasos estarán cortados á altura de Casa Sixto, da Capela de San Ramón -para baixar a Cristo do Rañal-, no desvío da Casabranca e tamén na chegada ao casco urbano vindo desde o fondo de Moeche.

Porén as persoas participantes na feira e o público non terán que andar moito, xa que nas inmediacións de cada un deses puntos de acceso restrinxido habilitaranse un total de 8 aparcadoiros, ademais doutros dous reservados preto da capela para camións, todos eles regulados por persoal de Protección Civil. Así se especifica tamén no Plan de Emerxencias do evento, onde figura a asistencia da Garda Civil e de Servizos Sanitarios -haberá dúas ambulancias- para garantir unha rápida resposta ante calquera incidencia que puidera producirse.

Neste sentido, desde o Goberno local e a Asociación ecuestre 23 de Abril agradécese a colaboración do posto da Garda Civil de San Sadurniño, dos concellos das Pontes, San Sadurniño, Valdoviño, Neda e Ferrol, así como a de Navantia, que contribúen á organización achegando material e desprazando efectivos e agrupacións municipais de Protección Civil.

Convenio Concello-Asociación
O Concello de Moeche convértese este ano entidade organizadora canda a Asociación Ecuestre 23 de Abril. Ata agora o consistorio colaboraba coa asociación con apoio económico e loxístico, algo que cambia na presente edición da feira cabalar por medio dun convenio sen dotación económica asinado o luns.

A participación municipal como coorganizadora ten un carácter extraordinario e, en principio, só para o evento deste 2022. A decisión adoptouse hai uns meses ante a incerteza sobre se o evento ía poder desenvolverse ou non por motivos sanitarios e ante a imposibilidade de subscribir con tempo de adianto suficiente un convenio económico que debía ir recollido no orzamento municipal.

O acordo establece que a asociación e o Concello asumirán distintas tarefas e compartirán os gastos organizativos. Así, o colectivo ocuparase de todo o relacionado coas probas, os premios, a coordinación da pista e a xestión do espazo do evento, comprendido desde Piensos Pazo até o remate de Cristo do Rañal, algo máis arriba do Centro de Saúde.

O Concello encargarase, entre outros cometidos, da solicitude de permisos á Xunta e a Deputación, da presenza de persoal de seguridade e sanitario, do plan de prevención de riscos, da regulación do tráfico, da habilitación de aparcadoiros, das ambulancias, dos seguros e da instalación de valados e outro equipamento. Tamén se fará cargo da contratación de servizos veterinarios e coordinará coa Garda Civil e Protección Civil o dispositivo para que a feira se desenvolva con normalidade.